Saturday 27 de April de 2024

O Concello puxo en marcha un total de catorce actuacións de conservación e restauración do patrimonio no 2022


Destacan os traballos de restauración da praza do Humor, enclave emblemático da cidade

No mes de novembro comezaron tres intervencións, unha delas o mural “Evolución da Torre” que finalizará nas vindeiras semanas

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, puxo en marcha varias actuacións co obxectivo de mellorar o estado de conservación do patrimonio histórico-artístico da cidade.

Estas actuacións enmárcanse na estratexia do Goberno de Inés Rey para a recuperación e posta en valor do patrimonio cultural, realizando intervencións de conservación e restauración de diferentes elementos da cidade.

Neste ano 2022, o Concello leva executadas un total de 14 actuacións para a conservación e mellora dos bens de valor histórico e artístico. Entre elas destacan as realizadas na praza do Humor, enclave emblemático da cidade no que se está a realizar traballos de conservación e restauración da contorna. Levouse tamén a cabo un novo deseño artístico para a ampliación das figuras situadas na praza.

Outra das actuacións máis destacadas foi a recuperación do mural da canteira de Leopoldo Nóvoa, parte do conxunto patrimonial do parque de Santa Margarida. Unha actuación moi demandada que foi executada polo Goberno de Inés Rey, recuperando unha das obras incluidas no listado das cen obras mestras da arte galega.

En canto a esculturas, na contorna do parque escultórico da Torre de Hércules realizáronse actuacións de restauración no conxunto “Ártabros”, de Arturo Andrade, así como na “Gran Guitarra” de Pablo Serrano. Esta última é unha homenaxe a Pablo Picasso, reproducindo unha guitarra cubista inspirada na obra do autor, homenaxeado no vindeiro ano 2023 polo centenario da súa morte.

Outras esculturas como o “Can Guía” de Eduardo Rodríguez ou o “Monumento a Breogán” de Escudero Carril tamén foron rehabilitadas. Actuacións que se suman á recuperación da escultura de Emilia Pardo Bazán de Lorenzo Collaut Varela ou á xa mencionada “Os paseantes” de Xosé Castiñeiras, localizada na humanizada rúa de San Leopoldo.

Esta última forma parte da recuperación do conxunto escultórico de Castiñeiras iniciada durante este mandato coa relocalización do monumento aos Liberais na praza das Conchiñas, á que neste ano se sumaron “Os Paseantes” e a restauración do “Monumento a Luís Seoane”, sito na praza homónima.

Tres intervencións en novembro

Durante o pasado mes de novembro, o Concello puxo en marcha un total de tres actuacións no patrimonio en diferentes enclaves da cidade. Iniciouse a restauración do reloxo urbano das Lagoas do Grupo TAU así como do “Monumento a Luís Seoane”, ambas as dúas executadas pola empresa Maximino Seoane especializada no mantemento integral de elementos metálicos.

Iniciáronse tamén os traballos de restauración do mural “Evolución da Torre” de Xan Vázquez, situado no Campo da Rata, e que recolle as catro fases construtivas da Torre de Hércules. A evolución representada baséase no tratado escrito por José Cornide de Saavedra no ano 1792, o primeiro documento en recoñecer a orixe romana do faro.

Esta mesma semana finalizaron as actuacións previstas para a conservación e restauración de dito mural, que consistiron na reintegración e reposición de estruturas e elementos deteriorados ou desaparecidos con pezas de similares características ás orixinais así como na substitución dos elementos de cartelaría presentes en mal estado por un novo panel interpretativo metálico, mellorando a súa conservación cunha maior resistencia á climatoloxía. Nas vindeiras semanas concluirán os traballos de xardinaría, acondicionando a contorna e dando por rematada a actuación completa sobre o mural.